Sobre min

Anxo Dafonte. Fotografía de Patty Inostroza (2019)

Son Anxo Dafonte, nacín en Santiago de Compostela e a pesar de ter vivido en Madrid algúns anos, son dos que fan que frases coma "a cabra tira ao monte" cobren sentido. Hai case dúas décadas tomei a decisión de volver a casa e desde entón resido na terra que me viu nacer.

Afeccioneime a isto da fotografía desde moi mozo pero non a tomei moi en serio ata hai só dous anos, tempo no que decidín deixar a responsabilidade do resultado final da toma á miña intuición e no que levo estudando esta arte en todas as súas disciplinas.

A miña relación coa fotografía de rúa e moi complexa. De todas as disciplinas e xéneros fotográficos é a que máis difícil mo deixa pola miña forma de ser. A miña timidez á hora de saír a capturar imaxes fai moitas veces que eu mesmo sexa quen poña freo ao meu avance nese terreo e sobre todo, a que poida gozar plenamente durante a práctica (motivo principal polo que saio a fotografar). Porén, quizais sexa iso mesmo o que me fixo sentir esta paixón por disparar tentando captar e documentar a natureza humana no seu propio hábitat.

A miña colección particular é moito máis extensa do que aquí se amosa pero co tempo un vai evolucionando e á medida que avanza sente que traballos anteriores comezan a ter defectos que fan que as imaxes non sexan tanto do seu agrado coma o foron no seu día. Este blog será un novo comezo para min, enfocado tan só na fotografía de rúa e nas miñas máis recentes capturas para as que incorporei un "novo" elemento no meu equipo: o teléfono móbil, co que pretendo que a finais do 2019 sexa o responsábel tecnolóxico da meirande parte das miñas exposicións neste sitio.

Tras todo este tempo na procura de ferramentas que me fagan pensar que as miñas fotografías serán mellores, descubrín que cos conceptos claros na nosa mente, o equipo é o de menos. Por suposto, é importante e, de feito, os clásicos aos que aludimos sempre cando dicimos que as súas cámaras non eran nin comparábeis coas peores de hoxe, usaban equipos fantásticos; o que máis ou o que menos portaba unha Leica, cámara que aínda hoxe segue sendo inaccesíbel para a meirande parte dos mortais. Así que dicir que a fotografía non a fai a cámara senón o fotógrafo ten grande parte de razón, pero un bo equipo será sempre de boa axuda.

Si elixín disparar moito co meu teléfono móbil é porque coido que actualmente é a mellor das miñas ferramentas para o tipo de fotografía que máis me gusta e me enche pero isto non quere dicir que sexa o único equipo que use nin moito menos o definitivo. Seguirei contando coa miña DSLR de iniciación e na miña listaxe de desexos entra por suposto una cámara fotográfica con características moi urbanas... pero polo de agora... terei que agardar.

Comentarios

Publicacións populares