Ir al contenido principal

Santiago de Compostela


Achégase o Día das Letras Galegas, este ano adicado á poesía popular e eu vou rematar a semana cas dúas imaxes que completan a triloxía das cubertas da Catedral de Santiago de Compostela que a súa vez redondean as dúas triloxías sobre o templo. 

Nestas ultimas publicacións cometín a ousadía de escribir versos coma mero afeccionado e non sei se o estou facendo ben, a verdade. Pero chegándonos a tal data, quixera botar man de expertos e render homenaxe ás nosas Letras porque se ben a poesía popular non ten nada que ver co que traio aquí, non deixemos de ter en conta que alguén no seu día tivo que ter abonda creatividade coma para escribir ou alo menos discorrer certas verbas.

Polo tanto, hoxe e mañá vou publicar uns poemas que non son meus pero que me encantan e agardo que a vós tamén.

O de hoxe é o seguinte:

"SANTIAGO DE COMPOSTELA"
por Manuel Pombo Arias
copiado do libro:
"A miña terra é un vello falar"
Editorial Galaxia, 2022
ISBN - 978-84-9151-844-0

------

Santiago de Compostela


OLLOS de viaxeiro en delirio
camiñante pedra a pedra na tarde lenta
bordón de peregrino e cuncha
por estas rúas que se morden unhas a outras
á procura elas
á procura eu
do templo e da sepultura
daquel que chegou a esta Palestina de Galiza
aos confíns da terra prometida
alí onde o leite derramado dos ceos
sinala ao peregrino que está á fin do mundo
o Pórtico da Gloria
o remanso da praza do Obradoiro
e a Quintana dos Mortos chea de almas
que por aquí andan en Santa Compaña
e onde se rompe a noite de súpeto
mentres miro como agoniza o ceo que me trouxo
e me chegan voces misteriosas dende escuros
        soportais
e pasos de sombras resoando como queixumes
quizais de mortos
quizais de ánimas que en vida non acudiron.
Dunha igrexa próxima van e veñen co vento
os acordes dun solemne miserere
saloucos do tempo detido
mesturados coas risas de estudantes desvelados.
Do reloxo da torre Berenguela caen repentinas
       badaladas
que asustan o profundo silencio.
Chove sobre o granito de alma dura,
quizais tamén esta vez é Deus,
toda a eternidade de Compostela.

Así que non podo facer outra cousa nunha semana coma esta máis que recomendarvos que vos fagades cunha copia dun exemplar deste volume e o gocedes tal e coma eu o gozo cada vez que somerxo a miña mente e ialma nas súas páxinas e deixome levar pola súa lírica e musicalidade.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O carneiro no tellado

Quedo e petrificado no alto está o carneiro non brinca nin cruza carreiro só fica atento no tellado. Do cruceiro gardián salvacostas dos peregrinos protexe das chuvias os niños das aves viaxeiras que non quedarán.

Medio século de xaquecas

Imaxe creada coa IA xenerativa de Adobe Photoshop Mobile A xaqueca é unha das doenzas que máis absentismo laboral causa na meirande parte do mundo occidental. Non se sabe que é o que a produce nin tampouco se coñece apenas acerca dela. Pero a pesar delo, os avances en medicina axudan aos pacientes a tratar de levar unha vida máis ou menos normal. Antes de comezar, aclarar que non son médico nin nada polo estilo... simplemente son un doente tratando de explicar coma é que se sinte cando lle din que "unha dor de cabeza non é para tanto". Sempre denostada, a pesares do elevado número de doentes que temos arredor padecéndoa, o resto da xente non chega a comprender o nivel de dor que pode chegar a alcanzar nin o incapacitante que pode ser. Por iso, sen ser ningunha enfermidade das denominadas raras, senón que máis ben é bastante frecuente, é unha das máis incomprendidas. Mesmo hai nada, vendo a película de animación "Mars Express" (Jérémie Périn, 2023) falaban de  "...

Confundir a dereita ca esquerda

Non sei ti, pero eu moitas veces confundo a esquerda ca dereita e viceversa. De feito, pódoche estar guiando cara a dereita ao tempo que sinalo cara a esquerda. En min é normal. Outros pasan de ideoloxías populistas da extrema esquerda ás da ultra dereita sen inmutarse. E iso penso que xa moi normal non é. Confundir un ultra con ideas económicas utópicas con ultras que non respectan os dereitos humanos paréceme un erro tan consciente que só o podo interpretar coma ir cara onde tira o vento e segundo interesa en cada momento para estar xunto dos gañadores... pero non, non vai gañar o rancio vulnerador de dereitos.