Esta noite meiga na que o lume foi protagonista, saín fotar para traerche material fresquiño. Estou seguro de que escoitaches máis dunha vez que as fotos hai que deixalas "repousar". Se ben estou dacordo, ten en conta que os editores gráficos de medios de comunicación, non se rexen desa máxima cando ofrecen as novas sobre un evento. Na escolla ás veces é un detalliño de nada o que marca a diferenza. Anoite, entre un cento de imaxes, o lume cobrou vida nunha delas, transformándose neste ser ao que o saltador parece ademais estar a piques de dar unha boa estocada.
Na nosa terra, esta festividade está bastante arraigada e non falta comida, bebida, música e baile arredor do lume; algo que ademais xunta á veciñanza dun xeito participativo. Unha noite onde confrontamos luz e escuridade, ben e mal, Sol e Lúa, Día e Noite, e onde contan as lendas que as criaturas máis terroríficas saen no que será a noite máis curta do ano. Procuramos protección contra meigas, trasnos, fadas, moures... saltando o que na miña localidade demos en chamar cacharelas e preparamos augas con herbas para lavarmos ao abrente e rematar con éxito o esconxuro. Creámolo ou non, esta noite é sempre meiga e vivímola baixo unha atmosfera envolta de maxia e encantamentos.
Comentarios
Publicar un comentario
Déjame aquí tu comentario.