Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2024

Temos debilidades

Estamos a rematar o 2024 e  entramos na semana de reunións familiares e ademais dos típicos excesos cómpre lembrar que a especie humana non é tan dura coma un virus demostrou hai poucos anos. Na Cidade da Cultura xa pasamos polas agullas da vacina da Covid e nos hospitais tamén estase administrando polo de agora aos grupos de risco. Importante é non baixar a garda e seguir colaborando na inmunidade de grupo e fuxir das teorías dos antivacinas que cada vez teñen máis voz e con máis forza falarán agora que teñen un dos seus maiores altofalantes no máis alto da política mundial, cun dos máis fortes bastóns de mando nas súas mans a pesar de ser o especime noxento que é. Así que hoxe aproveito a  dicirche que hai medos máis terríbeis cos das agullas que conteñen vacinas que nos protexen contra virus tan mortais.

Sempre hai algo de luz

Sempre acharás a luz que guíe o teu camiño se esforzas en atopala, está aí á espreita agardando por ti. Lembra que isto é purismo, aquí non hai IA nin retoque dixital e nin sequera hai pousados. O suxeito non é nin consciente da escena nin do que está a acontecer. Sabe, iso si, da miña presenza e de que estou a tirar fotos, pero non ten nin idea do que estou a ver... até que lle amosei o resultado cando tiven oportunidade.

Preparados para engalar

Hai que estar atentos as liñas. Certas perspectivas son moi efémeras, máis de captalas deixan grandes momentos para a memoria. E as liñas forman símbolos, coma frechas.  Por suposto, en todo isto non pode faltar o bon humor nin unha boa combinación caligráfica contextual que anime a mantelo. 

Intelixencia felina

A ollada de Fado cando alguén me pregunta se son experto en fotografía e outra persoa reposta por min dicindo que só son un afeccionado. Hai xente que non sabe o que é a soberbia ou a humildade. Por iso a min nunca me escoitarás describirme coma artista nin experto... e si coma afeccionado... pero ollo! que cando esa palabra sae da boca dunha terceira persoa convértese nun insulto  e o máis probábel e que logo obteñas resultados acordes á descrición que fixeches de tal persoa... e todo porque así o mereces! ou que pensas?

Cross ondas

Cidade da Cultura non só é ampliada en oferta cultural a nivel expositivo senón que tamén as súas pistas deportivas foron recentemente arranxadas e ampliadas para que os afeccionados ás dúas rodas poidan gozar máis aínda.

Hoxe erguínme cun cabalo

Ás veces teño a impresión de que as cousas tórcense todas para un lado... e remato cunha dor de pescozo que non vexas!

Ping pong crash wow

Ás veces pregúntome se a responsabilidade en urbanismo remata co bo tempo... e si, cando o vin tamén pensei nunha mesa de ping pong. Neste tipo de imaxes gústame moito incluírme, autorretratarme... síntom bastante can!

Estampas do Nadal

Non é preciso agardar á caída do sol nin ao acendido dos artificios humanos.  Basta un paseíño ás once da mañá respirando aire puro e limpo para que a natureza che agasalle dun xeito tan sinxelo ca beleza que tantos cartos lle costa ás cidades artificialmente... pódese ser feliz con nada?

Expontaneidade

A xente non chega a comprender que é o que me chama a atención dun lugar cando me deteño a fotar. Eu ás veces non sei explicar a complexidade da Arte que vexo nos recunchos que atopo. Pero todo está aí: as formas, os defectos, a luz, as liñas, as cores... todo... Arte a fin de contas... agardando por min para inmortalizar ese intre e que se poida logo gozar por sempre xamais. Por certo... expontaneidade , coma xa te decatarías, é un xogo de palabras que fago usando as palabras exposición máis espontánea ... 

Ou igual si

Todas as afirmacións que vou facer a  continuación, son costume de escoitar ou ler cando tratamos o mundo do cannabis , mais son total e rotundamente FALSAS :  "Non produce adicción; o seu consume pode controlarse; mellora a concentración; axuda a relaxarse; é unha substancia natural e inofensiva para a saúde; fai menos dano que o tabaco.". Imos partir da base de que o tabaco é unha planta e non é natural consumir tabaco. O consumo de cannabis, tampouco é natural. Nos últimos anos, proliferan os comercios de produtos feitos a base de cannabidiol (CBD). Algúns deles, comercialízanse baixo afirmacións médicas non comprobadas. Por non dicir que o uso deste tipo de substancias relacionadas ca cannabis  o que fan é modificar o comportamento natural do noso cerebro; nunha palabra: o hackean  e pode tardar de días a semanas a volver a funcionar con normalidade. Por iso é tan grave o feito de que se permita a venda de CBD ou se legalice a venda de cannabis .  Por iso, i...

Adestrando para impresionar a Gyomei Himejima

Cantas veces dicimos iso de que os lentes fixos son os mellores e que hai que achegarse cas pernas? Pois velaquí unha desas veces onde se no levara unha focal variábel tivera perdido esta instantánea que ademais durou o xusto para a captura.  Xa hai moitos anos que a tirei, e coma foi totalmente inesperada e; por certo, nin que dicir ten que daquela non hai axudas de estabilizadores nin lerias desas e de trípode nada porque foi verme ca cámara e rapidamente deixar a actividade... e si! A pesar delo, arrisquei a unha obturación lenta confiando no meu pulso para obter a sedosidade das augas porque o efecto artístico era para min moito máis importante que a nitidez mailo detalle. A trepidación que puidera causar a incomodidade da toma pouco me importaba. Esta segunda imaxe, cun plano xeral, nunca antes a publicara. Hoxe, pasados xa moitos anos, decidín dar pistas da localización ademais da espectacularidade da altura da caída da auga. O título da publicación fai moita referencia a ist...

O naufraxio do Prima

 O Prima era unha gabarra de 105 metros de eslora que viña cargada con terra e que embarrancou en o trece de xaneiro do 2014 ao carón do Cabo Vilán, na Punta do Boi; para ser máis concretos, na praia de Reira (Camariñas). Viña arrastrada polo buque West  que alertou a Salvamento Marítimo dun fallo no cabo do remolque cando atopábase a unhas quince millas do Cabo Touriñán. Este buque tiña corenta metros de eslora e volveu dar remolque ao Prima sen éxito debido a que o cabo de remolque enredouse na hélice e fixo imposíbel o goberno da nave. O Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra mobilizou entón ao buque Don Inda  para asistir á gabarra que xa daquela derivaba cara a costa. Mais, ao achegarse ao lugar, decidiron con bo criterio dar preferencia á asistencia ao West  que tiña problemas de goberno xa que era a nave que tiña tripulantes a bordo e primou a salvagarda de vidas humanas. A noite e as condicións meteorolóxicas da zona dificultaron a opera...

O ogro

Os únicos cañóns que dos que deberiamos ter coñecemento nun mundo civilizado deberían estar gardados nos museos. Os únicos bombardeos tiñan que ser os que as crianzas fixeran nos seus xogos defendéndose contra xigantes imaxinarios.  Non será ese mesmo, pero estou seguro que nalgún lugar hai un muro onde as lamentacións están a un nivel nunca xamais imaxinábel.  

O Día da Constitución

Hoxe andanos a celebrar en España o noso Día da Constitución. Algúns que se erixen coma estandartes da mesma, rexeitan algo que xa ven a deixar claro nos seus primeiros artigos, o cal faime pensar se chegaron sequera ser lida por semellantes elementos. Pero o mundo xira cara unha vertente perigosa dominada polas redes sociais onde cada vez a xente le menos en papel e fíase máis do que lle chega polas pequenas pantallas do móbil, perdendo o sentido crítico e permitindo que lle laven o cerebro e dirixan o seu pensamento.  

Na corda frouxa

O cambio climático non é só unha ameaza abstracta senón unha realidade palpable que afecta as vidas e os ecosistemas de todo o planeta. As catástrofes naturais, xa sexa en forma de incendios devastadores, inundacións inesperadas ou ciclóns descontrolados, son un recordatorio constante da nosa vulnerabilidade e da implacable forza da natureza. Nestes tempos de urxencia, o negacionismo sobre o cambio climático non é só unha postura ignorante, senón unha mostra perigosa de estupidez colectiva. Negar a evidencia científica e os sinais claros de transformación climática é un acto de irresponsabilidade que non só pon en perigo ás xeracións futuras, senón tamén a fraxilidade do presente. A filosofía ensínanos a contemplar a nosa posición no universo e a responsabilidade que temos como gardiáns deste planeta. A nosa existencia está intrinsecamente ligada ao benestar da Terra, e cada acción que tomamos repercute no delicado equilibrio dos ecosistemas. Ignorar o cambio climático é, en esencia, u...

Gaia

Cando aprendemos a ver o mundo desde moitas perspectivas descubrimos as súas mensaxes e a Arte oculta na Natureza. Gaia deixase ver con toda a súa fermosura e nin sequera precisa cor para impactar, tan so a sensibilidade dos ollos de quen a mira.  

O Tokio galego

Velaquí a mostra de que non hai que viaxar moi lonxe para atopar a fotografía urbana xaponesa. Basta un escaparate dunha axencia de viaxe que conteña un cartaz convidando a mercar viaxe a Tokio e que coincida que unha moza xustamente tokiota cruce falando polo móbil e na mesma postura xusto por diante. Pois todo isto aconteceu no casco antigo de Lugo. Imposíbel de imaxinar vendo a imaxe. Coma ben di Joan Fontcuberta, temos o mal costume de crer que a fotografía conta verdades.  

Pausas en soidade

Unha das cousas que non debemos esquecer dos perigos pandémicos ante as cada vez máis extendidas e perigosas teorías negacionistas, é esa mensaxe de soidade. Lembrade que a tranquilidade pode ser desexábel ata que se converte nalgo interminábel.  

O FANI do Milla

  Xa hai moitos anos que durante unha fechada e neboenta noite parei a fotar na rotonda do Milladoiro, nun tempo onde non había aínda tanta trangallada polo medio e se te despistabas podías chegar a cruzala dun lado a outro aínda que deixaras os baixos no intento. Estaba en faena cando levei o susto da miña vida pensando que sería abducido polo OVNI ou FANI coma lle din agora que estaba a piques de tomar terra na mesma rotonda. Tal e coma é sabido nestes casos, tan só me deu tempo a recoller a luz dos propulsores, pois en canto me viron cambiaron de idea e volveron rumbo ás estrelas.

Sagrada Cultura

Quixera rematar novembro cunha imaxe do meu arquivo que igual si que hoxe poderiamos xa considerar así, posto que o lugar medrou bastante e aínda queda por construír. O caso é que debeu ser unha das primeiras fotos que lle tirei á Cidade da Cultura recién inaugurada. Quiteina desde o cumio do Monte Pedrouso e gustoume moito esa integración que fai a arquitectura artificial coa paisaxística do fondo. O Pico Sacro vese maxestuoso e imponente, reforzando as liñas do propio edificio.  

A fraxilidade do ladrillo

As cidades, esos labirintos de pedra e vidro, se erguen desafiando os elementos. Cada ladrillo, cuidadosamente colocado, é un voto de confianza na permanencia humana. Con todo, a natureza, na súa inmensa forza e paciencia, recordounos unha e outra vez a nosa precariedade. Un terremoto, unha inundación, un simple vendaval poden desfazer en segundos o que as xeracións construíron con tanto esforzo. Aínda que as nosas creacións parezan eternas, son, en realidade, efímeras como a espuma do mar.  

Salomé

Non sei cantas veces teño pasado por diante desta igrexa e penso que non volvin ter a oportunidade de repetir e mellorar esta escena onde o home está a piques de entrar no templo tras baixar do taxi que o deixou xusto fronte da porta.

Boicotear o aluguer

Temos moitos problemas e cada vez ábrensenos máis frentes; é un non parar. Os xóvenes parece que non o van ter nada doado se os máis vellos non somos capaces se arranxarlles un mundo mellor. O problema da vivenda é básico. Esta imaxe que xa tirei hai uns aniños foi o auguro dunha deriva moi siniestra da especulación inmobiliaria sobre todo en detrimento da mocidade. En Compostela, por exemplo, os estudantes víron mermadas as ofertas ante o cambio de preferencia dos propietarios que cambiaron o cliente potencial e apuntaron rapidamente cara o turismo.  

Reciclaxe xeneracional

  Somos diminutos ao carón dos grandes edificios que construímos nas urbes modernas. Esas grandes moles de aceiro e formigón deberían de permanecer en pé cando aínda cando nós non sexamos máis ca pó. Ás veces, as iconas aparecen coma postas con intención e incluso o resto de actores.

Portas abertas

Tívenme que armar de paciencia ata acadar esta imaxe que fala de cor en primeiro lugar. Non só da sintonía entre o humano e a contorna senón tamén na complementación cromática existente. Por outro lado temos as liñas e as formas e ademais, xa entrando no terreo subxectivo, a balaustrada formaba o contorno do continente africano e isto doume pé a crear esa metáfora que ademais reforza a invitación cara unha hospitalidade ao amosar a fiestra aberta, símbolo da confianza. Mensaxes cada vez máis necesarios e importantes.  

Obradoiro dimensional

Nunca é mal momento para recuperar unha imaxe que tan bos momentos me deu. Tireina co móbil nunha Praza do no Obradoiro ateigada de xente e nun momento onde cheguei pensar que non había nada que facer. Tres canchas de baloncesto urbano fóra de cadro á esquerda e unha concentración de motos Vespa aos pés da Catedral. E para colmo, nin cámara levaba! Quen ía pensar que o lugar ía ter unha foto gardada? Pero velaí a maxia desta disciplina! Por iso tenme tan fascinado coma namorado.  

Preparando o Nadal

Estamos a un mes do Nadal e seguro que nas mesas dos concellos xa están a correr para gañar a competición de quen acende antes as luces, e sobre todo, cantas máis acenden e mellor. Paradoxalmente, non hai nin un mes que cambiaron a hora co gallo de facermos aforrar precisamente axustando en tema de iluminación. Fixéronnos durmir unha hora máis e agora parece que nada máis rematar o café logo do xantar, xa che pilla a noite. Ideal para iluminar de Nadal todas as cidades. Mais non sei eu se para aforrar moito. Pero bon... o que traio hoxe é unha perspectiva forzada da Rúa Real da Coruña onde a trampa simula cambiar unha lámpada fundida e ademais, nunha postura bastante incómoda e estirada, de punta sobre as dedas.  

Un bo peixe

Temos sorte no Milladoiro de ter esta peixaría, a mestría do responsábel e a calidade do produto fai que sexa a primeira opción... pero hai que ir cedo ou pasa como na foto e o peixe fuxe!

Vampconing

  Non hai moito que pasear o can era o único xeito de saír á rúa e desde os balcóns algúns parecían vampiros asexando con envexa o camiñar paseniño de quenes cumprían cos seus familiares peludiños. 

Mobiliario á fuga

Xa sabedes que non son de retoques dixitais pero tampouco me molestan se avisan deles, se por diante vai a honestidade. Pois hoxe veño de xogar ca IA xenerativa e collín unha das miñas imaxes de arquivo outonais e probei a deixala coma a imaxinei na cabeza. Unha escena loxicamente imposíbel, totalmente fantástica e destinada tan so a sacarche o sorriso e nunca a tratar de enganar ao espectador. Con todo, e por moito que digan, eu sego a quedarme con esta segunda proposta, sincera e insinuante. Moito máis enigmática e non tan explícita, que xoga ademais coa conxunción e sincronía tanto visual coma intelectual entre autor e espectador e, iso é sempre algo marabilloso. Por suposto, nin que dicir cabe que o de retirar as matrículas dos vehículos é unha licencia que me permito desde sempre por temas de privacidade e protección de datos persoais. Non ten nada que ver co outro.

Esa ollada felina

  Ter familia peluda é o máis agradecido que hai porque incluso sen eles querelo déixanche eses momentos tan especiais non podemos evitar humanizar. Esta ollada cómplice entre as sabas non pode ser máis insinuante.  Pero a realidade da fotografía é que non deixa de ser un instrumento da mintira coma di o bo de Fontcuberta. Nese intre, Fado estaba a descansar cos ollos fechados e eu aproveitei para quitarlle unha foto; debeu sentir o ruído do obturador porque logo entreabríu un ollo, o cal non era a miña intención pois eu non quixen nunca nin espertalo, nin molestalo. Pero daquela, un ollo ben entrenado non pode dubidar en volver a obturar.

O mundo a cor

  Fotografar a cor non é doado e tampouco é o mesmo que fotografar en cor. Eu, desde logo, aínda que adoro a monocromía, estou namorado da policromía ben traballada e por suposto, non a modifico no procesado, vai xa directa, preconfigurada na cámara. Por iso mesmo, non volvo á película nin que me paguen, estou encantado co que fan as cámaras dixitais.

Dúbidas

  Temos moitas dúbidas sobre a relación a longo prazo entre a enerxía eléctrica e o medio ambiente en comparación cos combustíbeis fósiles; pero hai que ter en conta que temos un gran problema inmediato que debemos resolver sabendo que tamén estamos capacitados abondo de solucionar no futuro os problemas que vaian xurdindo na procura dun combustíbel eficiente, respectuoso co planeta e que manteña contentos os intereses do mercado ou do contrario preferirán que o mundo desapareza mentres eles o ven morrer desde Marte ou máis alá.

Mazarelos

  Que? Como lle foi hoxe a Tyson? Alguén sabe algo? Bon, nós ao noso, que manda truco poñerse a boxear con cincuenta e oito anos!  Pero non sei porqué estas escenas de paseos polas húmidas rúas empedradas baixo cálidas lámpadas de luz evócanme escenarios de entrenamentos puxilísticos. Seguro que Rocky Balboa gozaba máis entrenando e logo de viños e tapeando por Compostela que subindo tanta escaleiriña por Filadelfia!

Gadgets

  O conto é que teño visto accesorios deses ata para colocarlle á cámara onde a zapata do flash; pero entón mollaríanseme as ideas! E ademais, posibelmente quitaría un ollo cunha balea cando fose mirar polo visor!

Morriña

Co que me gusta falar, non me cabe a menor dúbida de que moitas veces as palabras sóbranme para describir sentimentos cando me expreso con imaxes.

Ollo doente

Cando ves as liñas as formas a luz e todo parece coma posto aí por un ente superior ou por Deus, coma dicía Adams, o que che reventa os ollos e ver esa iota que por máis que o intento, non chego a entender a dificultade de correxir un par de letriñas... porque un til no ene para converter Marina en Mariña e devolver á Ameixenda unha fonética sonora axeitada, non debe ser nin tan costoso, nin tan difícil. Pero bon, supoño que coma sempre é un problema de intención e ca Igrexa fomos dar!

Humanización e dependencia

No meu barrio houbo bastante polémica por mor dunhas obras de humanización e a xente protestaba porque seica vai haber atascos e falta de aparcadoiros. Algúns ata inventaron nas súas recriminacións un carril bici polo centro da estrada cando eu nunca o vin así nos planos... pero o que eu pregúntome é se a ninguén destes enxeñeiros dos distintos gobernos que temos en todo o país, cando acometen este tipo de obras, e cos estudos que se lles presupón,  acórdalles a veciñanza con dependencia para prepararlle unha boa entradiña e facilitarlle de paso o acceso á vivenda... a que tampouco lle acordou a ningún manifestante? Este sinal polo chan reflicte ese sentimento meu. Un sentimento que obviamente non lle acordou a ningún dos manifestantes en contra da humanización do meu barrio. Só onde aparcar o seu vehículo. E ollo! Por sorte, eu polo de agora non preciso unha entrada adaptada e nin sequera me afectaría e polo tanto non gaño nada con esta proposta pois vivindo no barrio,...

Aínda que derrube o mundo

Estamos tan conectadas a pantallas e chismes que o fan todo por nós, que xa dirixen o pensamento de tal xeito que a pesar de vivir nun mundo que parece estar a caer a cachos poñemos a gobernalo a delincuentes que cometeron delitos coma os de atentar contra as mulleres. Si, obviamente falo de Trump, un tipo que entroutras cousas seica vai defender ás mulleres aínda que elas non o queiran e cuxas decisións afectarán tamén ás nosas vidas... si, ás de todas nós.

Merecémonos un cafetiño

Non sei se as miñas redes sociais sobreviviron á publicación de onte. Pero dáme igual. Tanto se o fixeron coma se non, toca relaxarse cun cafetiño (sen culler porque vai sen azucre). Normalmente adoitase buscar a foto de bodegón perfecta o de todo está moi riquiño e ben chusquiño. Pero eu case desvivo máis pola imperfección, logo dese primeiro sorbiño, coa mancha dos beizos, coa pegada do primeiro gozar onde queda patente que non retrato que sexa un café bonito, se non ese momento de pausa, de desfrute da luz, do sabor e da cor. Así son eu!

Non é tan sinxelo

Antes de premer o botón de denunciar esta publicación pensa en cantas mulleres son violadas no mundo no tempo que che levou ver esta imaxe e ler estas verbas.  Hai unhas semanas, o Papa Francisco chamou sicarios aos profesionais sanitarios que practican abortos en clínicas seguras, con medios que garanten unha hixiene e coñecementos médicos abondos para evitar por en perigo a vida das mulleres que deciden interroper un embarazo. Ilegalizar a práctica por profesionais sanitarios significa ter que botar man da clandestinidade. Poñer en perigo ás mulleres.  Así que non, non son sicarios, señor Papa, salvan vidas. Respecte outros puntos de vista, porque a ilegalización do aborto pode mancharlle as mans de sangue a vostede, e convertelo daquela en sicario tamén, non si? Porque chuspir cara enriba, é o que ten. Nota aclaratoria : Coñezo   o traballo de Laia Abril sobre o aborto e teño visto a foto da percha. Pero quixera aclarar que a inspiración non me veu só dela....

Monolito amordazado

Atopei un monolito do Camiño sen guías porque a alguén lle debeu apetecer levalas de recordo para a casa. Xusto aos dous minutos de tirar a foto, unha parella de peregrines preguntáronme se ían polo camiño correcto porque non atopaban sinalización. Así que algo necesarios son e agardo que non se convirta nunha moda viral nun mundo cada vez máis paspán.

O Paseo

Estas cores sonche tan fermosas coma pasaxeiras. Un paseo, palabra que pode referirse a algo tan agradábel coma andar ruando cunha cámara de fotos ou que remates con apenas trinta e oito anos a túa vida, polo mero feito de seres sindicalista, coma lle aconteceu a Marcial Villamor Varela alá polo mil novecentos trinta e sete, que é por quen adopta o nome esta praza de Compostela.

Prohibido quedarse atrás

Unha subida potente a da rúa da Fonte Sequelo, pero no cumio agardan premios moi interesantes. Mesmo entrar na banda de Pepa a Loba, por exemplo.

Cores de outono

Acostumamos procurar as cores outonais nos ocres e verdes das follas e a terra, nas árbores e prantas. Pero as cores outonais están moi presentes na vida cotiá cosmopolita, nas húmidas rúas e no estilismo da xente.

A Arte está na xente

Seica en Santiago "a chuvia é Arte"  máis o que é Arte é a xente. Foi xente a que plasmou a súa Arte pedra a pedra nesta cidade. Nunca haberá accesorio máis perfecto para tan marabillosa obra coma a xente que camiña polas súas rúas.

Resaca

Noites alegres, mañás tristes. A resaca non perdoa e vese que nesta bancada houbo público para todos os gustos. O malo disto é que nunca acordan recoller o lixo que producen co pouco tempo que lles levaría. Xa haberá outra xente que o faga por eles.